Friday 17 de May de 2024

A Deputación pon en marcha o primeiro plan de protección do refuxio de morcegos que existe no mosteiro de Caaveiro


A colonia de morcegos atópase nun dos sotos do cemiterio ao que actualmente non ten acceso o público

O presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, asinou recentemente un convenio coa Asociación Galega de Custodia do Territorio co obxectivo de implantar un plan para a conservación do refuxio de morcegos que existe no mosteiro de Caaveiro.

O fin último do acordo é colaborar na protección da colonia de morcegos de ferradura, unha especie en risco de extinción, que habita nun dos sotos do monumento propiedade da Deputación e que suman arredor de 27 exemplares.

O descubrimento desta colonia tivo lugar durante o desenrolo das obras de rehabilitación do mosteiro levadas a cabo hai anos. Foi entón cando os técnicos provinciais souberon da presenza deste tipo de morcego, que acabaría desaparecendo de non tomarse as medidas de protección que se tomaron naquel momento. Isto é, contratar a uns zoólogos que trasladaran ás femias a un dos sotos aos que non ten acceso o público para que viviran alí.

Este espazo, sito tras o campanario, consta de tres compartimentos abovedados onde aniñaron as femias e onde habita agora a colonia.

O obxectivo do convenio asinado coa Asociación Galega de Custodia do Territorio é dar un paso máis na protección desta especie, xa que a súa presenza no mosteiro representa unha excelente oportunidade para achegar, aos numerosos visitantes que reciben esta instalación, información sobre o morcego de ferradura pequeno e sensibilizar sobre as súas necesidades ecolóxicas, así como desterrar falsas crenzas e servir como exemplo de referencia na coexistencia de morcegos e visitantes nun mesmo edificio.

Segundo o acordo, esta coexistencia non fai máis que incrementar o valor patrimonial do edificio, xa que dótao dun recurso didáctico difícil de atopar noutras contornas.

Actuacións concretas de colaboración
A Deputación da Coruña, coa sinatura deste convenio, facilitará aos membros da Asociación Galega de Custodia de Territorio o acceso ás instalacións onde viven os morcegos, co obxectivo de que poidan realizar estudos e proxectos de mellora da súa protección se fora o caso.

A Deputación, ademais, comprométese a velar polo adecuado uso dos sotos (pechados cunha porta metálica e con ventás por onde os morcegos saen durante as noites) de modo que se garanta a tranquilidade e condicións ambientais necesarias para a colonia.

Pola súa banda, a asociación asinante do convenio prestará asesoramento técnico en todo o relativo á conservación da colonia ou doutros morcegos presentes no mosteiro. Fará, tamén, un seguimento anual da colonia para coñecer o seu estado e avaliar a eficacia das medidas que se adopten. Colaborará coa Deputación, finalmente, no deseño de recursos didácticos.

Gravacións
Outra das accións previstas pola Deputación, aínda que polo momento non está recollida no acordo, é a intención de estudar a posibilidade de instalar cámaras infravermellas nos sotos co obxectivo de filmar a vida destes morcegos de ferradura. O obxectivo é poder transmitir en tempo real as imaxes aos visitantes que acudan ao Mosteiro de Caaveiro.